|
A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes elabora o Plan de Infraestruturas de Transporte, documento que planificará e definirá as características das infraestruturas viarias que se deben acometer en Galicia. Con este obxectivo, e rematadas as fases previas para coñecer o estado actual das estradas e as novas necesidades, dende o pasado xoves estase a realizar unha campaña para recabar datos sobre a utilización das vías por parte da cidadanía. Ata o xoves 8 de marzo realizaranse un total de 34 sondaxes en distintos puntos das estradas galegas, nas que se lles pregunta aos usuarios das vías polas características das súas viaxes.
Coas preguntas que se formulan nas enquisas preténdense coñecer datos sobre a mobilidade dos usuarios como os percorridos que fan, os motivos das súas viaxes, as súas horas de partida e chegada, o tipo de vehículo que empregan ou o número de traxectos diarios que realizan. Esta información contribuirá a adecuar a evolución futura da rede de estradas á demanda existente por parte da cidadanía. Por iso, a Consellería de Política Territorial solicita a colaboración dos usuarios e a súa participación nestas enquisas, xa que os datos que acheguen axudarán a mellorar entre todos as estradas galegas e a súa utilidade. Os 34 puntos de toda Galicia nos que se realizará a sondaxe seleccionáronse tratando de captar a maior información posible dos movementos entre os distintos concellos. Para evitar alteracións do tráfico durante a realización das enquisas elixíronse puntos como semáforos e estacións de servizo, o que permite realizar as preguntas aproveitando aqueles momentos en que o enquisado estea parado. Os datos que se obteñan da sondaxe serán complementados cun programa informático que ofrecerá como resultado final un esquema das orixes e destinos das viaxes que realizan os galegos. Tralo inicio das sondaxes o pasado xoves na provincia da Coruña, as próximas enquisas realizaranse o martes 27, sempre que a climatoloxía o permita, na provincia de Lugo. Así, ese día os equipos instalaranse en Vilalba (estrada LU-541, punto quilométrico 16,550), Castroverde (LU-530, p.q. 20,670), Guitiriz (A-6, p.q. 538), Guntín (N-540, p.q. 17,960) e Lugo (N-640, p.q. 87,500). A planificación das enquisas será, sempre que o tempo o permita, de martes a xoves nun horario que vai das oito da mañá ata as oito da tarde. Para iso, cinco equipos de dúas persoas cada un distribuiranse, en dúas quendas de seis horas, en cada un dos cinco puntos previstos para cada xornada. |