|
|
|
| Atópase en :
PORTADA |
|
FELIPE CALDERÓN ENTREVISTASE POR PRIMEIRA VEZ CUN PRESIDENTE AUTONÓMICO |
|
|
|
|
escrito por Redacción
|
|
Martes, 11 Decembro 2007 |
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o máximo mandatario dos Estados Unidos Mexicanos, Felipe Calderón coincidiron en destacar a posición “estratéxica” que ten a comunidade galega como ponte entre Iberoamérica e a Unión Europea. Así o subliñaron durante o encontro mantivo onte pola noite (madrugada en Galicia) na residencia oficial de Los Pinos, que, segundo resaltou Pérez Touriño, se desenvolveu nun clima “construtivo, afable e cordial”, seguindo a “tradicional hospitalidade de México co noso país”, aseverou. No encontro posterior cos medios de comunicación, o presidente da Xunta explicou que no encontro, o primeiro que o presidente Calderón mantén cun mandatario autonómico, ambos tiveron a oportunidade de abordar a relación estratéxica de España con México, relación na que, sinalou, Galicia “aspira e quere xogar un papel relevante”.
.
Emilio Pérez Touriño destacou, especialmente, “esa complementariedade de intereses, e o clima cordial” que se desenvolveu ao longo dos corenta e cinco minutos que durou a entrevista, sintonía e complementariedade que vén dada, sinalou, porque Galicia aspira a ser “ponte, un no estratéxico dunha alianza e dunha relación estratéxica entre o que é a comunidade iberoamericana propiamente dita, América Latina, co espazo da Unión Europea e en particular España”. “Falamos desa función de ponte, desa función estratéxica” e tamén de que o aproveitamento pleno do Tratado de Libre Comercio entre México e a Unión Europea permitirá “afianzar aínda máis a estreita relación económica entre México e Galicia”.
Consolidar as relacións económicas e culturais
O presidente da Xunta resaltou a oportunidade de desenvolvemento e o papel que Galicia debe aspirar a realizar no terreo económico e no cultural, a partir, aseverou, “dun clima de relacións institucionais positivo e construtivo e cada día máis afianzado no terreo da confianza e a mutua colaboración”. Nesta liña, explicou que lle presentou ao presidente Felipe Calderón o proxecto da Cidade da Cultura, iniciativa que, segundo indicou, forma parte “nuclear” desa alianza estratéxica e desa posición de ponte que Galicia “aspira a desempeñar”. “Sen dúbida a industria cultural, a potenciación da Cidade da Cultura nese circuíto de relación debe xogar un papel estratéxico e decisivo, e así llo trasladei ao presidente Calderón”, abondou o presidente galego quen remarcou que o mandatario mexicano lle amosou o seu interese e apoio á iniciativa e que ambos acordaron seguir traballando nesa dirección, logo de este primeiro contacto institucional. A este respecto, Pérez Touriño salientou a oportunidade e o papel que pode xogar a Cidade da Cultura na celebración no ano 2010 do bicentenario da independencia dos países iberoamericanos, coincidindo en datas próximas á apertura da Cidade da Cultura cos referentes dos anos 2009 e 2011.
A inmigración e desenvolvemento enerxético
Durante o encontro co presidente dos Estados Unidos Mexicanos, o máximo mandatario autonómico tamén tivo a oportunidade de abordar outros temas como a intensificación dos lazos empresariais, dada a forte presenza que ten a colectividade galega en México e a boa marcha da economía galega, un asunto polo que o presidente Felipe Calderón amosou o seu especial interese. Neste marco, Pérez Touriño explicou que o presidente mexicano lle preguntou pola marcha da economía, polos vectores de orientación de futuro e polos sectores máis relevantes da economía galega, así como por aqueles con máis capacidade e posibilidades de futuro. Xunto con isto, outros asuntos abordados na xuntanza foi o papel que desempeña Galicia dentro do Estado das Autonomías, o problema da inmigración e como está a ser abordado na nosa comunidade ou a estrutura enerxética e a dinámica das enerxías renovables.
Proxección internacional
O presidente galego asegurou, ademais que este encontro vén pechar “esa primeira etapa que me marquei como decisiva no obxectivo básico da proxección exterior de Galicia neste momento da responsabilidade política do Goberno que presido e do século no que vivimos, esa alianza e ese escenario en torno a tres grandes países de referencia para Galicia en Iberoamérica, que son Brasil, México e Arxentina”. Nesta liña explicou que ao longo dos seus dous anos de mandato xa tivo a oportunidade de entrevistarse co presidente Néstor Kirchner, coa recentemente elixida presidenta de Arxentina, Cristina Fernández, ou mesmo co presidente de Brasil, Luiz Ignacio Lula da Silva. Por último, Pérez Touriño trasladoulle ao presidente Calderón a súa invitación a coñecer Galicia, no marco da visita que ten previsto realizar á Expo Zaragoza que se celebrará en xullo do vindeiro ano. “Invitei ao presidente se é posible e coincide a nivel de axenda a acercarse a Galicia e coñecela e trasladeille que estaría encantado de recibilo en Santiago de Compostela” para seguir nesta liña de colaboración trazada no encontro, concluíu ao respecto.
Grupo Palacio de Hierro
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, o presidente da Xunta referiuse tamén ao encontro mantido co director xeral de Palacio de Hierro, José María Blanco, un dos grupos empresariais de distribución comercial máis relevantes de México. Esta reunión serviu para establecer as liñas dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e este grupo empresarial, ao abeiro do cal se prevé celebrar unha quincena de presenza galega nos locais desta cadea comercial. A presenza galega neste grupo empresarial xiraría, tal e como subliñou o presidente da Xunta, arredor da presentación de oferta alimentaria procedente de Galicia e de produtos relativos a outros sectores, como o téxtil. Paralelamente, articularíase no marco desa quincena un foro empresarial “que sirva como bolsa de contratación e intercambio de proxectos”, sinalou Touriño. Por último, articularase a presentación dunha oferta de servizos culturais vinculados con Galicia que acompañarán, en verbas do presidente galego, “toda actividade económica e de exposición de produtos”. Na súa comparecencia perante os medios, o xefe do Goberno galego referiuse de novo aos actos que desenvolveu nesta xornada en México, entre os que salientou a posta en marcha dunha Cátedra de Lingua e Literatura Galegas na UNAM; a presentación da Unión Mexicana de Empresarios Galegos; o xantar mantido con empresarios mexicanos; ou o almorzo de traballo mantido con importantes empresarios do mundo da comunicación, ámbito no que, sinalou, “pode haber unha aproximación importante” entre Galicia e México. |
|
Cache Directory Unwriteable |
|
|
|
Servizos
|
|
O Tempo |
Para hoxe  |
| |