|
|
|
Atópase en :
PORTADA Luis A. Lago Lage |
Luis A. Lago Lage
|
escrito por Redacción
|
|
Mércores, 28 Marzo 2007 |
|
Feitos: O partido popular manifestouse 16 veces dende xaneiro de 2005 contra do goberno socialista. A do sábado en Navarra foi a 10ª manifestación do PP contra a política antiterrorista do Goberno. As declaracións de Rajoy na COPE en xuño de 2006 son concluíntes: “mi partido es el que moviliza todas las manifestaciones. Es el que respalda, moviliza y las llena”. De Juana Chaos, en prisión atenuada e vixiancia policial, segue a cumpli-la súa condea dentro da lei penal e penitenciaria vixentes, tal como queda avalado no auto xudicial do xuiz de Vixiancia Penitenciaria da Audiencia Nacional: “Esta actuación no constituye ningún beneficio penitenciario”. O 3 de agosto de 2005 finalizaba o cumprimento da pena polo asasinato de 25 persoas, dacordo coa lexislación actual. Neste momento está a cumplir 3 anos de prisión por un delito de ameazas non terroristas no diario Gara. Actualmente quédalle pouco máis dun ano de condea. No secuestro de Ortega Lara, gobernando o PP (1996-1997), ETA esixía o reagrupamento de presos en cárceres do País Vasco. O Goberno de Aznar achegou á cárceres vascas a 43 etarras. Entre 1997 e 2003 (anos de goberno do PP) o preso De Juana Chaos tivo 600 días de redención extraordinaria da súa condea, mentras cumpría prisión polos 25 asasinatos. 350 días de redención extraordinaria forono por escribir un libro no que facía apoloxía do terrorismo. No 2004, o goberno socialista anulaba 175 días da redención concedida polo goberno de Aznar. Por redencións extraordinarias saiu á rúa o etarra José Ramón Artola, no 2002, tendo cumplidos 15 dos 327 anos. Tamén terroristas como Iñaqui Bilbao que saiu no 2000, cumplidos 17 dos 52 anos de cadea. Dous anos máis tarde asasinou ó concellal socialista Juan Priede. Naide se manifestou daquela en contra do goberno. Entre 1997 e 2004, 62 presos de ETA condeados por delitos de sangue, obtiveron redencións extraordinarias de condea, ás veces por facer punto de cruz, outras por tallar en madeira símbolos terroristas. Durante os oito anos de gobernos do PP en España achegaronse 195, houbo 85 concesións do 3º grado, excarcelaronse 292 e deronse 21 liberdades condicionais ós presos de ETA. A política penitenciaria de Zapatero ten sido e segue a ser a mesma do PP, cun único cambeo introducido no ano 2004, a supresión das redencións extraordinarias. Opinións: Prisión atenuada para De Juana, que non terceiro grado nin liberdade condicional. Foi unha decisión difícil, que hai que entender e valorar cos instrumentos da razón e non só coas emocións e sentimentos, camiño canallesco escollido pola dirección popular. A responsabilidade moral dun terrorista polos atentados e crimes cometidos nunca desaparecerá, pero a súa responsabilidade penal, dacordo coa lei vixente tense extinguido a finais do 2005. Eran precisamente os seus os que máis desexaban a súa morte para convertilo nun mártire pola causa. As redencións extraordinarias só se producen se o goberno quere e o PP así o facía. Dende hai tres anos non se concede ningunha redención de pena deste tipo. O dedo que hoxe acusa a Zapatero hai anos suxetaba a pluma que firmaba excarcelacións de etarras e redencións de penas. A política penitenciaria de tódolos gobernos democráticos foi sempre firme e intelixente, buscando a mellor das formas para rematar coa violencia. Os populares convocan manifestacións contra aquelo que eles mesmos fixeron, estando no Goberno, centenares de veces. Os socialistas na oposición nunca criticaron a política antiterrorista de Aznar. Falla unha soa vez que o PP apoiara ó goberno de Zapatero contra ETA. Esta actuación resulta cando menos inxusta co Goberno e desleal co Estado. Semellan non ter outro tema de oposición que o terrorismo. Poderase estar ou non dacordo coas decisións dun goberno, pero en ningún caso se justifica esta desmesurada reacción do Partido Popular. Unha estratexia da crispación que altera a propia convivencia democrática, animando ós cidadáns a participar nunha “rebelión cívica”, sen precedentes. A ultradereita reaparece e irrumpe na escea política, saca peito á sombra de Rajoy e resucita símbolos franquistas. Algúns xa predican nas ondas radiofónicas que mellor aguiluchos de Franco a horteradas constitucionais. Rajoy está a queima-las naves liberais e centristas que lle permitían aparecer coma un líder pragmático da dereita moderna española. Hoxe a súa prioridade está en desgastar ó goberno socialista e non en acabar co terrorismo. Unha embestida tan desproporcionada de acoso e derribo só se entende porque perciben que o tempo se lles bota enriba e será esta a súa última oportunidade como líder popular. Non se pode entender que aqueles que perderon as eleccións de 2004 por mentir, pretendan recupera-lo poder hoxe con máis mentiras. |
|
|
escrito por Redacción
|
|
Luns, 19 Marzo 2007 |
|
Un ano máis o Día Internacional da Muller serviu para reitera-lo noso compromiso con 90 anos de loita pola igualdade. Cunha singularidade importante, a aprobación no Senado da Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes, que está a se-lo mellor regalo para un día como este. Se importante ten sido o camiño andado, polos non poucos avances no eido social e laboral da muller, moito queda todavía por percorrer no ámbito individual e persoal. Quedan pois moitos 8 de marzo por celebrar, porque moitas son todavía as desigualdades, inxustizas e discriminacións que as mulleres padecen neste mundo. Dende unha profunda convicción democrática e social vexo esta lexislatura tremendamente enriquecedora no recoñecemento e ampliación de novos dereitos, con leis como a da Violenza de Xénero, Dependencia ou mesmo a da ampliación do Divorcio, ata chegar a esta da Igualdade que vai te-la revolucionaria intención de garantir ás mulleres tódolos dereitos para que elas mesmas decidan sobre a súa propia vida. Unha lei coa que o noso país pasa a liderar en Europa e no resto do mundo a loita pola igualdade efectiva entre mulleres e homes. Unha lei coa que estaremos máis preto do día en que este 8 de marzo poida se-lo Día Nacional das Mulleres e dos Homes, celebrando así a situación real de equilibrio e igualdade de tódalas persoas en plenitude de dereitos. Mentres este día non chega é de xustiza reflexionar e facer autocrítica sobre feitos como que todavía hoxe os salarios das mulleres son un 30% máis baixos que os dos homes, que nun 83% son as mulleres as que se ocupan das persoas dependentes, que elas duplican a media de homes en situación de paro ou constatar o número alarmante de mulleres maltratadas e violentadas pola súa parella. Toda lexislación é necesaria, pero faise imprescindible un cambio de cultura e mentalidade, porque a discriminación da muller é a máis antiga, a máis persistente no tempo e a que afecta ó maior número de persoas. Só a través da participación real da muller na toma de decisións poderase acada-la finalidade do que representa unha data como este 8 de marzo. Unha democracia só se lexitimiza se tódolos seus homes e mulleres poden exercer plenamente tódolos seus dereitos. E os homes temos unha especial responsabilidade para contribuir a este cambio de actitudes machistas, porque trá-la violenza, a inxustiza ou a discriminación que sofre unha muller, sempre está un home, en base a unha suposta e falsa superioridade masculina. Todos temos moito que facer nesta loita contra o machismo cultural que nos contamina. Pero non poucas veces semella que precisamente pola nosa condición de ser homes temos dificultades para situarnos na primeira liña de loita e racha-lo silencio da inxustiza consentida. Por iso non debemos permitir que se nos confunda con aqueles que, no noso nome, practican ou toleran prácticas violentas, machistas ou discriminatorias contra da muller. E teremos que manifestarnos de xeito persoal, e tamén publicamente, porque “o silencio sempre nos fará cómplices”. |
|
|
escrito por Redacción
|
|
Martes, 06 Marzo 2007 |
|
A guerra de Iraq era para Aznar e Rajoy unha guerra “preventiva”. O meu curmán explicábame naqueles días qué era iso da guerra “preventiva” de xeito moi sinxelo: “Ía cun amigo pola Ronda da Muralla cando nos cruzamos cun birollo, e sen mediar palabra o meu acompañente deulle de cheo nos fuciños. Suxeitei ó malandrín e díxenlle se estaba tolo para zoscarlle dese xeito. Sen alterarse o máis mínimo respostoume: <>”. Desvelábase así o misterio diso que algúns chamaron guerra “preventiva”. No “por si acaso…” estaba a sinrazón dunha guerra innecesaria e inxusta. Resultaba “preventiva” mesmo a política que engalanou o proceso do estatuto catalán, “por si acaso…” España rachaba en mil cachos. Por iso recorreron ó Tribunal Constitucional a pesares dunha máis que sobrada maioría parlamentaria e o referendo do pobo catalán. Cando perden unha votación ou varias, hai quen sempre acaba por romper as regras do xogo. Pero estanlle collendo gusto ó tema. Mesmo hai uns días o propio Rajoy tiña un desliz “preventivo” en referenza ó nomeamento do Ministro de Xustiza, antes incluso de que este tomase posesión. Insultos e descalificacións vergoñosas, pero “preventivas”, que amosan falla de ideas e poucos argumentos. Incomprensible cómo Zapatero non entende isto da teoría “preventiva” dos gobernos, e se lle ocorre nomear un ministro sen consultar ó xefe da oposición, “por si acaso...”. Tamén reiteran que é un colosal disparate criticar ós xuices, non hai moito demonizaron ó PNV por convocar unha manifestación en contra dunha decisión xudicial en Euskadi. Eles disfrutan da súa xustiza “preventiva” que si lles permite, “por si acaso…”, manifestarse en Madrid (24 de febreiro) contra sentencias do Tribunal Supremo. ¿Será tamén “preventiva” a proclamación do Sr. Rajoy na revista Tiempo: <>. Sobran os comentarios, mellor non facelos “por si acaso …”, tamén. Co paso do tempo aquela que fora guerra “preventiva” acabou nunha deriva estratéxica e global, pasando a formar parte do seu imaxinario político e popular. Remato co que podería chegar a ser un novo concepto da chamada opinión “preventiva”, adicado a todos aqueles que non compartan o que escribo, tamén “por si acaso…”, non vaia ser. |
|
|
escrito por Redacción
|
|
Martes, 20 Febreiro 2007 |
|
A práctica habitual da mentira masiva como arma de manipulación colectiva semella orientada a recoller réditos electorais abundantes e inmediatos, se ben quen a practica esquece que o tempo é inimigo redomado do engano, e que a medio prazo o propio “efecto boomerang” da mentira retorna impasible e contundente contra aqueles que pretenden aproveitarse do bo sentir cidadán, que non ten motivos “a priori” para desconfiar dos seus gobernantes. Cando o do “Prestige” non pasaba nada, todo estaba baixo control dos “responsables” mentras cazaban ou decansaban en Doñana, a marea negra nunca chegaría ós máis de mil kilómetros de costa afectada, nin os “hilillos de plastilina” de chapapote danarían os nosos sectores productivos. Realmente ten sido a maior catástrofe medioambiental en Europa nos últimos trinta anos. Catro anos despois estamos a superar as consecuencias socioeconómicas de semellante traxedia. Co da folga xeral do 2003 pouco menos que non se tiña producido, era unha invención máis dos sindicatos e dos “inimigos da súa España” porque todo funcionaba con normalidade. O país estivo parado vintecatro horas en contra da consigna oficial monclovita e da propaganda descarada dos periodistas de Aznar. En Irak había un auténtico arsenal de armas de destrucción masiva que obrigaban ó “mundo libre” (versión “yankee” do que representaba o trío das Azores) a invadir este país. Hoxe os que nos levaron a esa guerra ilegal, ilexítima e inxusta (tódolos días segue habendo deceas de mortos) parece que se enteran de que todo era mentira. A boas horas. Tamén o atentado do 11M era obra indiscutible de ETA, e pouco menos que todos estabamos nunha conxura anti-Aznar: oposición, policías, fiscais e xuíces, vítimas e cidadáns que só pretendían derriba-lo goberno do PP e non se enteraban que os verdadeiros “autores intelectuais”, porque os materiais están no cárcere, non estaban en desertos lonxanos nin altas montañas. Tres anos de mentiras e seguen a falar de coches fantasma, de mochilas azuis, de ácidos bóricos, tentando acalar a súa mala conciencia dende os días de marzo en que Madrid, e unha parte de todos nós, saltaba polos aires. Por fortuna esta democracia funciona e os autores da masacre están a ser xulgados e condenados, como corresponde nun Estado de dereito como o noso. Temos máis historias para non durmir, estes dirixentes populares son unha máquina de despropósitos. O estatuto catalán traería consecuencias apocalípticas, pero este país sigue enteiro, máis solidario que nunca e medrando en prosperidade e benestar. O propio proceso de paz tamén cuestionaba a integridade moral do goberno e o seu presidente, Zapatero, rendíase ós terroristas e vendía España en trozos de tódalas cores. Que pronto olvidaron Rajoy e os seus adláteres que foi no 98 cando eles no goberno fixeron cesións ós terroristas rebaixando penas e achegando presos! Prestige, folga xeral, 11-M, estatuto catalán, proceso de paz son algunhas das moitas mentiras, en grado de tentativa, que o PP de Aznar e Rajoy utilizaron nos últimos cinco anos como auténticas armas de manipulación masiva. Pero a xente non é parva, e sabe poñer a cada un no seu sitio. |
|
|
escrito por Redacción
|
|
Xoves, 15 Febreiro 2007 |
|
Contemplo con atención esperanzadora a singladura da nave popular “rajoyniana” na busca do centro perdido, que hai uns días recalaba na cidade de Toledo, este si centro xeográfico, para proclamar con insistencia esta teoría. Un “viaje al centro” que obsesiona ós dirixentes populares e impregna de cheo a súa estratexia política, que me fai pensar no remoto punto de partida, porque sigo sen saber moi ben de onde veñen polo tempo que levan de camiño. Si teño claro que moito lles queda por chegar, é como se dun novo baile se tratara, un pasiño cara ó centro, reviravolta e doble paso para atrás. Nestes tempos que corren e cos guías que levan todo é posible, por estos derroteros populares acabarán por facer ó incombustible Fraga modelo de moderación e concordia, moi a pesar do seu pasado. Camuflados de moderación centrista vaticinaron que a economía afondaría, a familia desaparecería e España rompería, e montaron a de San Quintín co Estatuto catalán, pasou o estatuto e este país segue enteiro e funcionando. Semella que algúns tentan vivir dos problemas que máis preocupan ós cidadáns, en lugar de esforzarse por resolvelos. Racharon tamén calquera posibilidade de acordo, obrigado e leal, na política antiterrorista, pero a loita contra ETA segue adiante e o Estado de dereito funcionando de cheo. Cando se percibe que algúns teñen máis interés en vencer ó adversario político que en derrotar ó criminal terrorista, pode ter a tentación razoable de preguntar contra quen se manifestaba o PP hai uns días en Madrid, ¿contra ETA ou contra o goberno de Zapatero?. Será que cada día medra máis a teoría de que a crispación radical e desleal do PP responde a non querer recoñece-la derrota electoral de 2004, e dende logo o mellor antídoto contra este tremendismo fanático e revanchista será, coma sempre en democracia, a vontade cidadá expresada no voto en 2008. Animo ós dirixentes populares no seu empeño de buscar o centro perdido nos tempos de Aznar. Agardo con prudente interés a culminación dese periplo viaxeiro, porque o país necesita dun auténtico partido conservador, moderado e centrado, alonxado do esperpento, do radicalismo e do insulto fácil; unha dereita política, moderna e sen complexos. |
|
| | << Inicio < Anterior 1 2 3 4 Seguinte > Final >>
| | Resultados 1 - 9 de 36 |
|
|
|
Servizos
|
|
O Tempo |
Para hoxe  |
| |